ORQUESTRA DA SEMANA: JUAN MALLO


 
A orquestra  Mallo fundouse no ano 1930 na cidade da Coruña grazas á labor do acordeonista Antonio Mallo, é unha das formacións máis antigas de Galicia que só parou de facer soar a súa música durante a guerra civil española.
Dende os seus comezos o símbolo indiscutible da orquestra foi o acordeón que presenciou o paso do tempo convertíndose en tradición da familia Mallo que data do século XIX. Juan Mallo tomou as riendas da famosa agrupación seguindo co seu legado familiar ata a actualidade.

A orquestra contou sempre con importantes artistas dentro das súas filas. Pucho Portela, un dos vocalistas máis recoñecidos da época, presenciou os comezos da Mallo. Ademais,  por poñer un exemplo dos excelentes músicos que pasaron pola orquestra, podemos citar ao pianista de Ferrol “Cerdeiriña” que foi premiado polo Conservatorio de París. 

Foron moitas as salas, os  teatros e os cafés que a formación comezaba a visitar nos seus primeiros anos chegando, incluso, a inaugurar a sala de festas “O Seixal” (actualmente pechada) que entonces era un referente no territorio coruñés.
Durante a guerra civil ábrese un pequeño paréntese na actividade da orquestra ata que volve a rodar no 1940 da man de Antonio Mallo, Virgilio, José Illáñez, Arturo Goncerlián e Pucho Portela.



Nos anos 50 a orquestra logra reunir por primeira vez aos tres irmáns Antonio, Juan e Daniel Mallo. É aquí cando empeza a época dourada da Mallo que logra manter durante varios anos aos tres acordeonistas, actuando por toda España e chegando a formar unha big band. 

Por outra banda, un dos capítulos máis tristes foi a morte de Juan Mallo nun accidente. Pero a orquestra continuou coas incorporacións de Pepe e Raimundo Pita. Este último xogou un papel moi importante na orquestra porque permaneceu nela durante vinte anos  ata a súa xubilación, neste momento é cando chega á agrupación o gran Melchor Rodó.

Antonio Mallo tamén acada a súa xubilación tras corenta e cinco anos na dirección musical, no ano 1985 abandona a actividade na orquestra deixando ao seu fillo Juan ao fronte. 

Hoxe en día a orquestra Juan Mallo segue a pé de verbena amosando cada noite as orixes e a esencia da orquestra cos temas orixinais da familia Mallo, todo isto compaxinado perfectamente coa música máis actual e bailable para facer de cada festa a mellor. Un escenario móbil de 17 metros de ancho por 8 de alto, 120.000 vatios de ilumincaión e 30.000 de son ademais da páxina web www.orquestamallo.com con máis información aseguran unha orquestra de sempre á orde do día.