DE CERCA… CON MANUEL GONZÁLEZ - AXENTE DE SITO MARIÑO ESPECTÁCULOS




“A MIN SEMPRE ME GUSTARON AS FESTAS”

Por qué comezaches no mundo da verbena?
Pois moi fácil, eu era unha persoa á que lle gustaban moito as festas e un día unha empresa de espectáculos de vigo, coa que traballei cinco anos, propúxomo,  pareceume ben e aceptei.  A min como me gustaba este gremio decidín empezar por este motivo.

Sabemos que es o responsable do grupo Alaska. Cómo xurdeu este proxecto?
Este é o primeiro proxecto. Imos co segundo ano e a ver como resulta, porque xa sabes que o mundo da verbena e da pachanga está moi mal e hai demasiados gastos como son os de infraestructuras, personal… e nas festas os prezos cada vez están máis baixos, así que a ver este ano.
Este proxecto xa o tiña pensado dende hai tempo pero tíveno que ir deixando por varios motivos e a finais do ano 2009, despois de moitas voltas, xunteime cun grupo de rapazas e de amigos e decidiuse empezar. Agora creo que na liña do grupo, a formación cumpriu ben e funcionou ben sen ningún tipo de problemas.

Que é o mellor do mundo do espectáculo?
Para  min as festas e estar e tratar ca xente. Hai persoas coas que dá gusto estar con elas, é como se foras unha familia. Tamén hai xente coa que fora mellor nunca ter trato con ela.

O peor?
O problema é cando tes unha ou varias festas e fai mal tempo. Todo se volve problemas. Problemas para o axente, para a comisión e para a orquestra. Cando hai inclemencias meteorolóxicas é moi complicado porque a xente do pobo pásao mal e ti estás incómodo porque a xente non pode desfrutar e a orquestra non está tocando nunhas boas condicións, fóra do normal. Aí é cando se pasa moi, moi mal.

A cantas festas podes ir no mes de agosto?
Eu pódoche comentar que nos meses de xullo e agosto visito a catro e cinco festas por día. Son unha persoa que sempre vou dar unha volta cando chega a orquestra, pendente da montaxe por se hai algún problema… hai veces, cando tes moitas fechas, é imposible pero temos a sorte de ter técnicos de montaxe moi competentes e non hai nada que por teléfono non se solucione. E se non podes ir nese momento, vas un par de horas máis tarde porque á comisión gústalle que vaias pola festa e fales con eles. Se hai algún problema comentalo e se todo vai ben mellor para todos.

Unha anécdota que recordes con cariño…
Agora mesmo collesme un pouco… (pensa) unha vez, nunha festa grande que fixen eu como é a da Empanada de Bandeira na que se montan os escenarios na estrada e na que hai que cortar o tráfico, pois a anécdota foi que como construiron pisos e todo iso, houbo un ano que non collía un escenario e andivemos de adiante para atrás mirando ata que case houbo que montar fora da vila. Pasámolo moi mal porque é unha festa de moita xente en pleno mes de agosto e foi un agobio pero bueno, ao final solucionouse e todo saíu ben.

Nótase a crise?
Moito! Este ano nos presupostos das comisións nótase o baixón porque onde había un presuposto de vinte mil euros, por dicir algo, agora pasa a once mil ou dez mil. Tamén se nota que a xente este ano espera moito para a contratación e vai moi atrasada porque dá igual unha orquestra que outra. Ao non haber un gran presuposto non poden cumprir o capricho de contratar a orquestra que querían, entón fan a festa co diñeiro que se xunte. Esperemos que se vaia recuperando.

Unha festa de Galicia favorita:
As festas que máis me gustan realmente son as gastronómicas. Despois de festa de verbena hai unha moi bonita que é campestre, ao lado dun río na que hai polvo e todo iso, no lugar de Ponteledesma de Vila de Cruces. Outra festa moi importante, que programei eu varios anos, é a da Empanada de Bandeira. Unha festa impresionante na que vas comer cos amigos, moi boa.

Unha orquestra favorita:
Tería varias para dicir pero por amistade teño unha debilidade por Solara. Por amistade con Chapelo e porque sempre lle din algún traballo. Esta orquestra sempre me gustou, uns anos gusta máis e outros menos pero eso vai no tema do público, eu non o miro.

Un músico de orquestra favorito:
Dos que eu coñezo e falando xa de Solara pois Juanito o trompeta e tamén Jose Somoza que estivo en orquetras como Los Satélites, París de Noia e Los Trovadores. Eran  dos máis bos, baixo o meu punto de vista.

Un ou unha cantante de orquestra favorito:
Non sei porque agora cantantes hai poucos porque agora é todo circo e teatro… Como cantantes, non sei que dicirche (pénsao moito). Jose Manuel “Noly” o cantante de Los Satélites.

A túa canción:
Un beso y una flor de Nino Bravo. Eu son de pachanga, non de “bacalao” de baixo e de bombo, son do outro lado. 

 “NOS MESES DE XULLO E AGSOTO PODO IR A CATRO OU A CINCO FESTAS POR DÍA”