DE CERCA… CON MILAGROS VILLANUEVA (MIEL)


A música nunha palabra: Vívoa!” 
Cóntanos un pouco a túa historia no mundo da música e da verbena…
A miña relación coa música ven de sempre, de fai moitos anos. Empecei con música relixiosa. Fai sobre trinta anos, empecei de nena e despois a nivel espectáculo penso que fará dez ou doce anos. A min gústame moito a música, gústame dende sempre.
Pode ser que comezaras no coro da túa parroquia?
Si, si. Exacto!
Quen che axudou a subirte por primeira vez a un escenario?
Pois a verdade, supoño que te darás conta, nas bodas hai dúos e tríos musicais. Así comecei eu, cuns amigos formei un trío porque nos apetecía simplemente. Ese foi digamos o lanzamento. A partires de aí, estivemos tres anos actuando en bodas e logo xurdiu a idea de montar a orquestra.
En que formacións estiveches?
A parte de “Miel e Novo Estilo” (actualmente) houbo outra orquestra que me chamou para facerlles un favor e cubrir unha baixa. Entón era a formación de Luis Queimada, a orquestra “Queimada” e fun un par de meses para facer unha sustitución.

Que é o mellor do mundo da música?
A min sempre me gustou cantar e moverme no escenario, gústame moitísimo  e despois loxicamente se hai unha boa compañía, con xente que pensa igual que ti e que non haxa malos rollos, a verdade é que me encanta.
O peor?
Realmente non hai nada, a min a música gústame en todo o seu esplendor … Xa digo ten que haber unha mala relación cos compañeiros para que haxa unha situación que me afecte e non me guste. Este traballo é unha cousa que me gusta e que realizo con moito agrado, entón non me costa facelo.
Unha anécdota que recordes con cariño…
Pois, en particular pensó que non hai. Eu vivo cada día, cada momento e cada actuación con moitísimo agrado. Vivoo, nunha palabra! Pero non hai ninguna anécdota en especial… Ben, en xeral, ben.
Que tal a experiencia de grabar un disco xunto con Sito Mariño?
Marabillosa, marabillosa. Eu penso que aínda que deixe os escenarios, porque algunha vez será xa que os anos pasan, seguiría grabando porque me encanta e me gusta moitísimo. Agora acabamos de facer un tema adicado ao loro Ravachol que serve como himno do entroido de Pontevedra. Estos días estamos precisamente facéndolle un video-clip para poñelo na tele e esas cousas. Quero dicir que un estudo  de grabación é como moi familiar, encántame e vivo dunha maneira especial.
Unha festa de Galicia favorita:
Eu non son moito de festas, a verdade, pero se estou traballando pois loxicamente onde o paso moi ben  e nas festas dos arredores de onde eu vivo. Por exemplo, hai un lugar onde temos moita xente coñecida que nos apoia e que canta con nós e este é precisamente en Moraña. Ademais temos unha canción adicada a ese pobo. Non é que sexa a mellor festa pero é unha romería moi bonita e claro, hai moita xente coñecida e veciños e pásalo  dunha maneira especial.
Unha orquestra favorita:
Eu podo falar das que coñezo porque hai moitas das que só escoito falar ben ou non tan ben. Hai orquestras que fan mover moito o público e a min gústame que se vas a pasalo ben e a desfrutar queres unha orquetra que te faga mover. Pero ás veces hai orquestras que simplemente a súa música faite vibrar como poden ser “Los Satélites”. Pode haber esas dúas versións pola forma de ir ti a divertirte, a bailar ou a escoitar.
Un músico de orquestra favorito:
Un músico que eu coñeza e xa faleceu era Juan Castro. Estaba na orquestra “Sintonía”, era arreglista e compositor. E agora hai outro que é Juan Paradela que tamén é arreglista e ensaia orquestras. Os dous como músicos fabulosos  e despois teñen outra cousa que me encanta na xente, que é que ambos son persoas do máis sinxelas pero impresionantes como profesionales.
Un ou unha cantante de orquestra favorito:
Pois hai un chico que me impacta moitísimo porque estivemos xuntos facendo coros no disco que grabei con Sito Mariño, un chaval que está na orquestra “Suavecito” e chámase Armando Enrique. Canta cun gusto exquisito e ten unha voz preciosa. Moi bo.
A túa canción:
Buf… o que máis me gusta é a canción melódica, a melodía gústame moito ata na hora de interpretar. Hai cancións preciosas pero hai un disco que grabei eu fai tempo no que  hai un tema que se chama “Te esperaré”, unha canción melódica do compositor Arturo Gulias. É de aquí, feito en Galicia e non lle envidia nada de nada a outros temas que poida haber hoxe funcionando por aí.
A EXPERIENCIA DE GRABAR UN DISCO CON SITO MARIÑO FOI MARABILLOSA”

Os anos pasan pero Miel contáxianos coas súas ganas e co seu entusiasmo pola música. Na primeira imaxe Miel coa orquestra Novo Estilo coa que grabou "A todo tren" no ano 2001. Na segunda con Sito Mariño na carátula de "Xuntos no Xacobeo" dez anos despois: